10 anos de Novo Cinema Galego

By in Reviews on 16 Marzo, 2020

O arquivo das novas prácticas cinematográficas na Galiza ofrece na súa web o ciclo aberto de filmes ’10 anos de Novo Cinema Galego’ .

 

Mostra da páxina de Novo Cinema Galego

 

Unha ollada trala etiqueta

Na última década vimos de asistir ao desenvolvemento dunha nova e importante etapa na historia do noso cinema: o xurdimento de prácticas de creación cinematográfica de vangarda que propoñen ao mundo enteiro novos xeitos de pensar na natureza das imaxes; o que se coñece coa etiqueta de «Novo Cinema Galego».

O arquivo das novas prácticas cinematográficas na Galiza pretende abordar o campo do Novo Cinema Galego con rigor científico. Alén dos parámetros da industria cultural, a proposta abrangue todo o cinema que está a desenvolver novos modelos de produción, utilizando linguaxes anovadoras e experimentais.

 

Arquivo dixital e punto de encontro

A web novocinemagalego.info é a un tempo base de datos e punto de encontro na Rede para todas aquelas persoas que entenden o cinema de xeito diferente ao tradicionalmente establecido. O arquivo dá conta de cineastas e creacións fílmicas galegas, que teñen como denominador común a disidencia en relación cos procesos institucionalizados do cinema.

O equipo que impulsa o proxecto está formado por un grupo de persoas procedentes de distintos eidos que valoran a singularidade desta nova expresión cinematográfica galega. Entre os seus obxectivos están poñer en valor o cinema como ferramenta cultural, visibilizando estas prácticas cinematográficas, todas a un mesmo nivel, para facilitar así o esclarecemento das súas semellanzas e diferenzas.

A plataforma está aberta á participación de todas as persoas que compartan os seus obxectivos: críticas, historiadoras ou investigadoras con interese neste ámbito de traballo e estudo. O equipo fai un chamado específico ás propias cineastas para apoiar o proxecto, corrixindo ou engadindo información das distintas seccións e apartados da web.

 

Ciclo aberto na rede

Co gallo da alerta decretada pola evolución do coronavirus, a web novocinemagalego.info está a programar un interesantísimo ciclo de filmes -titulado 10 anos de Novo Cinema Galego– que ofrece os seguintes títulos:

  • Vikingland, Xurxo Chirro, 2011
  • O Quinto Evanxeo de Gaspar Hauser, Alberto Gracia, 2013
  • Todos vós sodes Capitáns, Oliver Laxe, 2010
  • Hyohakusha (Caminante sin rumbo), Xisela Franco e Ánxela Caramés, 2015
  • Ser e Voltar, Xacio Baño, 2015
  • Bs. As., Alberte Pagán, 2006
  • Leo y Mario (se dejan), Sonia Méndez, 2011
  • N-VI, Pela del Alamo, 2012
  • Rapa das Bestas, Jaione Camborda, 2017
  • Montaña en Sombra, Lois Patiño, 2012
  • Listen to me, Carla Andrade, 2016
  • O Cazador, Ángel Santos, 2008
  • Fogos, Martin Pawley e Marcos Pérez, 2017
  • Sin Dios ni Santa María, Helena Girón, Samuel M. Delgado, 2015
  • O Porco e o seu espírito, Adrián Canoura, 2017
  • La Brecha, Marcos Nine, 2011

scqLab. é unha iniciativa sen ánimo de lucro que dialoga con proxectos culturais, científicos e tecnolóxicos, experimentando con técnicas contemporáneas de documentación.