A Tribo Radio

By in Reviews on 14 Maio, 2020

A Tribo, un novo proxecto de radio en liña, comeza a ecoar no ermo panorama dos medios de comunicación galegos.

A Tribo radio

 

A radio minte

Attention la radio ment“. Esta foi unha das consignas situacionistas que acompañaron o levantamento parisino de maio de 1968. Xa era un vello coñecido daquela o poder de manipulación da radio. Nos anos 1930, Orson Welles puxera nas ondas ‘A guerra dos mundos‘ e o capital -en crise- botara a andar -desde a radio- aquela outra guerra que comezou coa demolición de España e rematou coa de Berlín, hai xusto 75 anos.

Claro que o control e a manipulación son moi anteriores a Marconi. ¿Acaso non foron as listas de libros prohibidos quen modelaron as industrias da letra impresa dando forma á cultura moderna? Mais hai que recoñecer que o transistor chegou onde nunca chegara a letra impresa, preparando o terreo para o audiovisual de pago onde se ilustran hoxe as clases populares.

Aínda levou ben tempo acabar coa idea de que algo é “así” porque así nolo contaron na radio ou na folla parroquial. Así e todo, algúns aínda se preguntan como é que fan os da Central Lechera Asturiana para que as vacas bailen nos anuncios.

 

Internet tamén

Polo ben de todas, cómpre insistir en que as aplicacións de software que usamos todos os días seguen a cumprir esa mesma función manipuladora. Que aí seguen os vellos cartos enchendoo todo de bots fachas, trolas e neuromarketing da piolla. E que ademáis estes novos, caros, adictivos e contaminates cacharros, son cada vez máis indispensábeis para a pandemia diaria de consumo. O xornal, neste aspecto, cando menos servía para facer máscaras para o entroido, improvisados envoltorios e para limpar o cu.

Durante as horas que durou o golpe de estado de 1981 as emisoras de radio emitiron marchas militares. O actual estado de alarma sería impensábel sen Internet: a máis poderosa ferramenta de control e trazabilidade cidadá, da cal cada vez menos estados queren prescindir.

Nunha situación excepcional como a que estamos a vivir, a única radio libre, -analóxica ou dixital, con ou sen fíos-, o único medio libre é o que construímos, controlamos e mantemos de xeito comunitario.

 

Podcast e/ou barbarie

Cando veñen peor dadas é cando máis botamos en falla o cariño dos recursos comunitarios, sexan estes sociais, sanitarios, educativos ou informativos.

No eido informativo, a realidade dos medios públicos galegos é a que se reflicte na loita das traballadoras da TVG e a Radio Galega desde hai máis de 100 semanas, protestando contra a manipulación informativa e o control político por parte do goberno autonómico. @DefendeAGalega

O estado dos medios privados pódese rastrexar nas distintas partidas orzamentarias coas que o goberno ditamina cales son os medios que poden subsistir, cales enriquecerse e cales deben desaparecer. De xeito tan infame, a imprenta e as ondas teñen sido sometidas ao control gobernamental.

A situación dos medios libres comunitarios vén marcada por décadas de penuria e persecución. O ano pasado CUAC FM gañou nos xuzgados o seu dereito a emitir en frecuencia modulada trala prohibición dunha Xunta que leva décadas dopando os proxectos da ultradereita.

As profesionais que sobreviven no país, teñen dúas formas para transitar a ferida desta crise que vén de alargar o COVID: a loita aberta polo dereito de todas a vivir dignamente ou seguir estabuladas e amordazadas polo clientelismo político. A primeira escolla sempre foi arriscada (ostracismo, precariedade, podcast…), a segunda é absolutamente suicida.

 

A Tribo Radio

En plena corentena veñen de presentar un novo proxecto de radio en liña en lingua galega. E isto, loxicamente, é un motivo de alegría para nós.

A Tribo é un programa de radio deseñado específicamente para Internet que pretende dar voz ás organizacións sociais, medios de comunicación, entidades e persoas que aspiran a unha sociedade crítica, sensíbel ás necesidades de todas, á mudanza social, ao medio natural, á ciencia e á cultura. Unha nova radio en liña, coa información e tratamentos que non atopamos nas radios convencionais.

Veñan máis radios e medios libres! Vamos precisar deles para afrontarmos esa ‘normalidade dos de sempre’ trufada de censura, precariedade e emigración.

 

Retour a la normale (1968)

Mai-Juin 1968 (2 juin, le retour à -l’ordre-)

scqLab. é unha iniciativa sen ánimo de lucro que dialoga con proxectos culturais, científicos e tecnolóxicos, experimentando con técnicas contemporáneas de documentación.