#ApoioMutuo #COVID19

By in Reviews, Sin categoría on 23 Marzo, 2020

Ideograma de Apoio Mutuo

As novas redes de cooperación comunitaria fronte ás consecuencias do #COVID19

 

Situación límite

Tras 40 anos de globalización neoliberal, coa Terra ferida e a maioría dos peores presaxios cumpridos, estamos a sufrir unha nova e xenuína emerxencia global. Desta volta, o seu cariz sanitario revela que a realidade insalubre do capitalismo contemporáneo está a ameazar tamén a nosa inmediata supervivencia individual, sen distincións. Entramos de cheo nun terreo descoñecido, preñado de incertidume e de temores.

Nesta situación límite -de devastadores efectos para a saúde e a moral das comunidades- faise indispensábel a creación de grupos de apoio popular onde partillar medios e recursos propios. Pese ao disciplinamento social, derivado das duras medidas adoptadas polos estados (confinamento, distanciamento, control social, militarización…) temos a necesidade de afortalar o noso tecido social para darmos soporte solidario a unha loita que polas trazas vaise prolongar no tempo.

 

Algo se move nos barrios

Alén da consabida hipocrisía retórica dos chamados para ‘superarmos todas xuntas as contrariedades’, nos barrios están a acontecer moitas cousas estes días: milleiros de veciñas ofrécense para atender as necesidades máis urxentes da contorna (auxilio, recados…), grupos de costura coordinandose en rede para coser milleiros de máscaras, colectivos de ‘makers‘ fabricando e distribuíndo dispositivos de protección para o persoal sanitario; centos de grupos informais comezan a tomar corpo en todos os territorios, tratando de (re)construír localmente as relacións de confianza e axuda nas comunidades veciñais.

Cómpre dicir que en ocasións non vai resultar doado retomar calquera vencello xenuíno entre as persoas, principalmente nas cidades, onde moita xente xa perdeu o trato directo e franco da veciñanza tradicional. A preocupación e o medo ás repercusións sobre a saúde e o benestar material, inducen a algunhas persoas -e mesmo a grupos organizados- a experimentar reaccións agresivas, abusivas e socialmente inadecuadas, como a difusión de bulos e mensaxes de odio, acaparamento de bens ou axiotaxe especulativo.

 

Rede de apoio Mutuo Lugo

 

Federando a autoxestión

A diferenza do voluntariado asistencialista que promoven algunhas institucións, o apoio mutuo xorde universalmente dunha necesidade de cooperación recíproca para sobrevivirmos as clases populares, acadando o maior grao de xustiza social. Para quen acredita neste principio a necesidade de cooperación existe sempre mais é nos momentos difíciles cando se transforma nunha ampla realidade social que conduce da auto-organización ao movemento social.

Os referentes máis próximos quizais sexan as múltiples iniciativas veciñais para frear os desafiuzamentos masivos. Tamén poderiamos lembrar os tempos do Prestige. Hoxe hai que advertir tamén que as propias forzas responsábeis, neste caso da redución do sistema público de saúde, xa están a aproveitar esta situación para crear, alí onde gobernan, novas bolsas de voluntarios que substitúan aos profesionais da intervención social.

É por iso desexábel a maior coordinación ou federación das distintas redes de apoio para partillarmos o coñecemento acadado entre os distintos grupos de acción comunitaria. E coma sempre, todo o que fagamos debe ser de dominio público, aberto e replicábel. Para saírmos desta e mudar o conto.

 

Mapeando redes de apoio

Na última semana organizáronse grupos de apoio nas principais vilas e cidades galegas. A Coruña conta con 12 grupos na rede comunitaria GAM Coruña. GAM Ourense,  ten oito grupos establecidos por toda a cidade. En Compostela semella que a resposta inicial estase a producir maiormente arredor dos distintos espazos e asociacións veciñais. Lugo goza hai tempo dunha Rede de Apoio Mutuo estábel.

CombinaGZ  é un grupo de usuarias de Facebook que está a artellar desde hai medio ano unha rede galega de comunicación e apoio mutuo de propósito xeral (vivenda, coidados, consumos, lecer…).

Hai poucos días o colectivo barcelonés Apoyo Mutuo COV19  publicou a web Mapa e lista dos Grupos de Apoio Mutuo para axudar ás veciñas a atoparse e organizarse, onde paulatinamente se están a subir informacións sobre os grupos de nova creación no territorio estatal.

scqLab. é unha iniciativa sen ánimo de lucro que dialoga con proxectos culturais, científicos e tecnolóxicos, experimentando con técnicas contemporáneas de documentación.