Change the Subject

By in Reviews on 8 Marzo, 2020

Un filme documental sobre etiquetas, activismo e bibliotecas.

 

Change the subject

 

Biblioteca e conflito social

Change the Subject é a historia dun grupo de estudantes e bibliotecarias que decidiron loitar polos dereitos e a dignidade das persoas indocumentadas. O obxectivo inmediato desta volta foi mudar unha situación de xenofobia que identificaron no catálogo da súa biblioteca: un dos encabezamentos de materia da Library of Congress era daquela “illegal alien” (estranxeiro ilegal).

A protesta levounas dende a Baker-Berry Library -biblioteca do Dartmouth College en Hanover, Nova Hampshire- até as salas do Congreso dos Estados Unidos de América; demostrando que un episodio activista nun campus universitario e un termo de catalogación poden chegar a ser argumentos de peso no debate sobre inmigración. Se algo fica claro é que as bibliotecas non poden pretender ser lugares alleos aos conflitos existentes na sociedade.

 

 

Mudar o asunto: o filme

En colaboración co persoal do Dartmouth College, aquel grupo de estudantes universitarios produciu o filme Change the Subject para contar o seu singular esforzo. A petición realizada á Biblioteca do Congreso en principio non foi atendida e o filme tamén recolle a recepción posterior do asunto por parte dos políticos e os medios conservadores norteamericanos.

O filme está a ser proxectado en universidades de todo o mundo e vén de participar en eventos coma o Maine International Film Festival ou o Boston Latino International Film Festival.

scqLab. é unha iniciativa sen ánimo de lucro que dialoga con proxectos culturais, científicos e tecnolóxicos, experimentando con técnicas contemporáneas de documentación.