Constelación dos Comúns

By in Reviews on 10 Marzo, 2020

Un arquivo audiovisual e un libro mostran a experiencia de medio cento de iniciativas autoxestionadas en procomún.

Constellation fo the commons Logotipo

Unha escolma contracorrente

Constelación dos Comúns (CC) é o resultado dun proceso de investigación de 5 anos sobre a cultura e a práctica do procomún. Configurado a xeito de arquivo, o seu espazo ofrece un conxunto de 45 conversas documentadas en formato audiovisual e textual, presentando algunhas das experiencias de cooperación autoxestionaria máis relevantes que están a acontecer no Estado español. O traballo foi plantexado coma unha escolma inicial con vocación expansiva.

Segundo a súa creadora, Palmar Álvarez-Blanco, profesora de Estudos Culturais no Carleton College (Minnesota, EUA), dado que “en todo arquivo a clasificación é arbitraria e conxetural”, a deste arquivo “testemuña unha posición política, cultural, ecosocial, existencial contraria á complicidade predominante co sistema capitalista”. As entrevistas, case todas con persoas fundadoras das distintas comunidades de prácticas, foron agrupadas en 11 categorías ou nodos temáticos.

 

Ferramenta de transformación

A Constelación dos Comúns foi concibida coma “un espazo de boas novas”  para explorar e tirar reflexións; mais tamén coma unha ferramenta informativa, de investigación e educativa, deseñada para servir de ponte entre distintos sectores, a miúdo estancos: unha iniciativa que xorde da confluenza do activismo social coa investigación e a docencia.

CC é unha ferramenta sen fins de lucro. O obxectivo último é o de “contribuír á transformación sistémica en marcha, iluminando o sentido e a potencialidade de propostas anticapitalistas no seo de comunidades de prácticas autoxestionadas”. O proxecto interpélanos sobre o tipo de mundo no cal queremos e podemos vivir. Ao seu xeito as comunidades seleccionadas respostan con fórmulas non capitalistas para entender a propiedade, o traballo, as relacións, os coidados, a educación, etc. Un relato que non adoita aparecer nos medios de comunicación tradicionais nin semella atopar un lugar de seu nas aulas.

Vista do site constelaciondeloscomunes.org

 

Documentar o procomún

O proxecto comprende, entre outros elementos, un arquivo audiovisual en castelán e inglés, un libro-guía descargábel, un dicionario aberto sobre o ecosistema do procomún -a partir dos conceptos que se mencionan nas entrevistas-, e unha Aula Aberta con ferramentas e experiencias educativas, formais e non formais.

A iniciativa pon de relevo o feito de que un dos retos máis importantes no eido do activismo social é atoparmos o tempo para documentar as nosas prácticas. E esta é unha iniciativa deliberadamente aberta, onde todo mundo está convidado a participar achegando novos relatos, recomendacións bibliográficas e recursos diversos.

scqLab. é unha iniciativa sen ánimo de lucro que dialoga con proxectos culturais, científicos e tecnolóxicos, experimentando con técnicas contemporáneas de documentación.