Cuba Material: curadoría e cultura material

By in Reviews, Sin categoría on 12 Maio, 2018
Colección Cuba Material

Colección ‘Cuba Material’.

A dixitalización dos repertorios de cultura material e a súa difusión en Internet achegan novas formas de abordar a interpretación do pasado e do presente. O proxecto ‘Cuba material’ é un caso exemplar.

 

Documentación da cultura material

Tradicionalmente, a documentación da cultura material ten unha relación estreita co coleccionismo e a museografía. A interpretación dos obxectos, bens e artefactos xerados para as tarefas máis diversas cobra especial relevancia nos estudos de etnografía e arqueoloxía, aínda que pode ser complementar para outros campos de investigación no eido das ciencias sociais.

Na actualidade, a conceptualización de novos produtos dixitais (repositorios, weblogs…) asociados coa documentación do patrimonio material tamén está a promover novas formas de abordarmos o estudo e a interpretación do pasado. Os procesos de ‘curación dixital’ na contorna das humanidades, traen consigo outras audiencias, outras visións máis amplas (e esencialmente distintas) para un repertorio moi necesitado delas.

 

A historia do común

A necesidade do público e da súa participación activa faise inescusábel cando estudamos cultura material contemporánea. É especialmente neste caso cando Internet pode ter un papel decisivo para o recoñecemento da comunidade e para a xénese democrática dun arquivo e unha historia propia.

Internet non só deu un novo impulso ao coleccionismo tradicional, senón que tamén xerou novas prácticas como a recollida de elementos ou obxectos dixitais (ligazóns, contactos, imaxes, documentos, programas …) que, xunto coa etiquetaxe e a catalogación social, son un fenómeno moi popular, particularmente nas redes sociais.

As humanidades dixitais poden usar as novas ferramentas de curadoría para participar nun diálogo complexo coa sociedade ou para reproduciren un discurso hexemónico. E todo isto fai máis necesario do que nunca a proposta de ambiciosos obxectivos de investigación que ofrezan perspectivas relevantes para o progreso social.

 

Cuba material

O caso de Cuba material ofrécenos un interesante exemplo. A súa web achéganos un arquivo dixital da cultura material cubana e as prácticas e significados asociados a ela.

A colección céntrase nos obxectos, documentos, espazos, arquitectura, moda, deseño e tecnoloxía relacionados con Cuba, principalmente durante a Guerra Fría.

O arquivo xurdiu como weblog dun proxecto de investigación de María A. Cabrera Arús, sobre os significados sociopolíticos da cultura material en Cuba.

cubamaterial.com

 

scqLab. é unha iniciativa sen ánimo de lucro que dialoga con proxectos culturais, científicos e tecnolóxicos, experimentando con técnicas contemporáneas de documentación.