Desobediencia tecnolóxica: estandarización e desexo

By in Reviews on 23 Novembro, 2018

Fronte á normalización industrial, a obsolescencia programada da tecnoloxía ou a ocultación deliberada dos seus principios técnicos, érguese -unha vez tras outra- a creatividade popular.

Reutilización en Cuba 2009

Reutilización en La Habana, 2009

Contra esa maquinaria que apenas obedece ao mandato de acumulación capitalista, desde os países e os barrios máis pobres álzase o desexo e o sentido común.
 

Da necesidade á herexía creativa

O concepto de desobediencia tecnolóxica xorde en 2004 cando o artista Ernesto Oroza, investigando sobre os fluxos domésticos en Cuba, repara na faceta insurreccional deste tipo de produción e comeza a contemplar ao “necesitado” como un verdadeiro herexe creativo. Oroza interpreta o proceso de desobediencia tecnolóxica coma unha reacción ás lóxicas autoritarias inherentes ao obxecto industrial, tales como a obsolescencia programada ou a ocultación deliberada dos seus principios técnicos. Unha rebeldía emparentada, ao noso xuízo, coa misión dos movementos polo Software e o Hardware Libre.

O traballo de Oroza puxo o foco nos procesos de reparación e acumulación, xestos que en principio non parecen radicais pero que teñen a capacidade de cuestionar a cultura industrial desde o artesanal e impactar os ciclos de vida pospoñendo o consumo. Pero Oroza non elude tampouco a intención revolucionaria inicial de reaccionar aos modos de vida que eses obxectos conteñen e proxectan. Convén lembrar que a creatividade popular e a reciclaxe á marxe do ciclo industrial foron desprezadas en todos os paises polo seu potencial disruptivo.
 

A estandarización e o desexo

A revolución cubana estimulou unha serie de prácticas de creatividade popular para afrontar as circunstancias da súa desconexión colonial que máis adiante resultarían ser un recurso principal dos individuos para soportar o bloqueo económico -sobre todo nos 90, tras o colapso do sistema bolxevique- e a propia ineficiencia industrial do réxime cubano. Xa en 1961 o ‘Che’ Guevara, daquela Ministro de Industrias da República de Cuba, lanzou a consigna “obreiro constrúe a túa maquinaria“, apenas uns días antes de solicitar a inscrición de Cuba na Organización Internacional para a Estandarización (ISO), incorrendo deste xeito nunha flagrante contradición.

No entanto, a estandarización industrial brindaría ao pobo de Cuba o inesperado agasallo dun coñecemento e un repertorio técnico común que impulsaría a produción alternativa. Bo exemplo diso é o aproveitamento popular do segundo motor da Aurika, unha lavadora e secadora soviética, para a creación de ventiladores, pulidoras, podadoras, ralladores, cortadoras, copiadoras de chaves, ferramentas para reparar o calzado… Un fito do coñecemento aberto e compartido polo pobo ao servizo das súas necesidades e desexos.

 

Un mundo no lixo

Aínda que paradigmático, o caso de Cuba non é moi diferente do aproveitamento feito por todo o mundo dos materiais e a tecnoloxía para novas creacións e usos sustentábeis. Existen múltiples exemplos de como a escaseza e a necesidade abren as portas á reutilización e o consumo responsábel no eido da cultura material. De feito, sempre foi así até hai unhas décadas.

Serían dignas de analizar tamén baixo esta óptica moitas das prácticas que na nosa contorna reciben o cualificativo de “chapuza”. Estas amosan un repertorio de solucións moi normalizadas, coma os somieres que pechan as leiras, as bañeiras nos prados como bebedoiro para o gando… Gústenos ou non, o horreo ao que colocaron unha porta de ascensor é unha intervención hacker que non pode competir en nocividade e feismo coas macro-urbanizacións, os centros comerciais, as infraestruturas industriais, os parques eólicos ou os paseos marítimos de factura neocolonial.

Pero é que esta ademais é unha reflexión ineludíbel a nivel global desde que o desarrollismo, o produtivismo e a economía de consumo precipitaron o colapso ambiental do planeta. África mostra ao mundo infinidade de maneiras de alimentarse das súas propias feridas, como é o caso do desastre provocado alí polo lixo tecnolóxico procedente da metrópole. China industrializou o proceso da reciclaxe e -desde o ano pasado- xa non admite máis lixo do que produce para “consumo interno”. Agora é Tailandia o vertedoiro TIC dos países onde usamos luvas ou saquiños de plástico para recoller merdas de can.

Agora que o fablab e o movemento maker semellan agromar no corazón da sociedade de consumo, convén lembrar que son as necesidades reais quen impulsaron a inventiva e o decoro da humanidade durante miles de anos para realizar todos e cada un dos seus progresos técnicos sustentábeis. Antes do antropoceno aconteceu a inmensa maioría deses progresos e aqueles seres humanos non eran tan pobres. Digamos que non eran tan absurdamente ricos mais podían permitirse brindar un futuro ás novas xeracións.

 

scqLab. é unha iniciativa sen ánimo de lucro que dialoga con proxectos culturais, científicos e tecnolóxicos, experimentando con técnicas contemporáneas de documentación.