docART: documentación de procesos colaborativos

By in Reviews on 21 Febreiro, 2018

A equipa de EduCaaS deseña docART, unha ferramenta dixital para documentar os procesos de prototipado colaborativo.

A documentación tamén é un elemento fundamental nos laboratorios cidadáns que se alicerzan sobre a noción de procesos de innovación social. A eclosión dos chamados procesos de prototipado colaborativo require abrir, visibilizar e compartir distintos procesos de aprendizaxe. Estas novas prácticas supoñen unha reubicación, ou mellor, unha redistribución das tarefas nos distintos momentos e persoas que interveñen, liberando a arte da documentación do espectro da burocracia normativa e a profesionalización. “Documentar non é un oficio, senón unha actitude fronte á vida: unha mentalidade antes que unha técnica”.
 

“Documentar non é rexistrar feitos senón mostrar procesos”

Os procesos de construción colectiva e prototipado colaborativo “desaparecen co entregábel” porque decotío escapan ás ferramentas convencionais de documentación. Aí reside, como nas disciplinas artísticas contemporáneas, a importancia de documentar e mostrar mapas do proceso. A comunicación dos froitos da aprendizaxe, a transmisión do coñecemento, faise através de concisas receitas libres que formalizan e abren o proceso de aprendizaxe, permitindo a súa socialización, replicación, adaptación, avaliación e mellora.
 

“Documentar é outra forma de amarnos”

É evidente que a documentación debe tomar en consideración moitos elementos que non sempre son cuantificábeis ou medíbeis. Outro aspecto novidoso deste tipo de procesos colaborativos é que poñen o foco de xeito explícito sobre a dimensión relacional e afectiva do traballo colaborativo e por conseguinte da propia actividade documental.

A equipa de EduCaaS, está a deseñar (e documentar) unha ferramenta dixital que permitirá visibilizar estes procesos e modelalos para que poidan ser replicados, modificados e avaliados por calquera. docART pretende axudar a visibilizar os procesos de creación colectiva e construción de prototipos vencellados a estes. E para isto é indispensábel o uso de tecnoloxías web e a reapropiación de ferramentas das comunidades de software libre.

https://github.com/docART/documentacion

 

scqLab. é unha iniciativa sen ánimo de lucro que dialoga con proxectos culturais, científicos e tecnolóxicos, experimentando con técnicas contemporáneas de documentación.