//A documentación nos procesos colaborativos
Museo Artium, Vitoria-Gasteiz (Foto: Zarateman / Wikimedia)

A documentación nos procesos colaborativos

Separatas dispoñíbeis

Con motivo dos X Encontros de Centros de Documentación de Arte Contemporánea, Artium vén de publicar un libro que inclúe o noso relatorio de 2018.

En outubro de 2018 participamos nos IX Encontros de Centros de Documentación de Arte Contemporánea. As xornadas, organizadas pola Biblioteca e Centro de Documentación do Artium, Centro-Museo Vasco de Arte Contemporánea, celebráronse en Vitoria / Gasteiz os días 24 e 25 de outubro, e nesta ocasión tratamos o tema da “Explotación, integración e divulgación do coñecemento das institucións patrimoniais”.

Pola nosa banda, ofrecemos os principais resultados do proxecto ScqLab, Laboratorio de Documentación e repertorio crítico de cultura dixital, como argumentos para o traballo titulado “A documentación nos procesos colaborativos”. Desta xeira propuxémonos revisar o papel da documentación e do documentalista no escenario institucional, social e tecnolóxico que se nos presenta.

Ao noso ver, no campo das artes e as ciencias documentais aínda persiste un forte aliñamento disciplinario con respecto ao programa cibernético. É necesario fomentarmos unha cultura da información que poña de novo á xente no centro dos procesos de coñecemento. E daquela resulta ineludíbel afrontar a dimensión conflitiva das prácticas dixitais en relación cos conceptos de colaboración e participación.

Este traballo pretende contribuír á reconceptualización da noción de proceso colaborativo para o campo documental. E neste sentido, revisamos algunhas experiencias recentes en arquivos comunitarios e laboratorios cidadáns. 

O papel documentalista desenvólvese no espazo da aprendizaxe de actitudes, conceptos, habilidades, procedementos e valores para a acción, para afrontar a necesaria mudanza que supón coñecer. A documentación defínese aquí como un proceso de cambio; elemento e apoio para a innovación social.

Con motivo dos magníficos décimos encontros, celebrados en 2020, a organización vén de publicar un libro que inclúe o noso relatorio (texto dispoñíbel en Issuu), achegando tamén unha tradución en lingua vasca. Así mesmo, puxo ao noso dispor algunhas separatas que faremos chegar ás persoas interesadas.

http://www.artium.org