A propósito de Flickr

By in Reviews on 20 Novembro, 2018

flickrdammerung, scqlab (2018)
Con Flickr demóstrase -máis unha vez- a extrema volatilidade dos contidos, dos negocios e das promesas na nube. E que nós non somos apenas o produto.

 

A propósito de Flickr

Flickr, o principal servizo de almacenamento e difusión de fotografías de Internet, vén de anunciar un cambio drástico no negocio trala súa compra por SmugMug. Desde xaneiro, limitará as súas contas de balde a 1000 fotografías e comezará a eliminar todas as fotos que excedan ese número, comezando polas máis antigas. Isto vai supoñer, con total seguridade, un prexuízo para algúns dos máis de cen millóns de usuarios da plataforma.

Desde que Flickr fixo este anuncio, preguntámonos como podería afectar isto ao maior acervo mundial de imaxes compartidas baixo licenzas gratuitas (415 millóns de fotos). Tamén, se isto podería prexudicar ás numerosas institucións patrimoniais que confiaron no proxecto ‘The Flickr Commons‘ para poñer as súas coleccións dixitais no dominio público.

Con ánimo de tranquilizarnos, a compañía clarexou nos últimos días a súa intención de respectar os contidos xa cargados na plataforma con licenza Creative Commons antes do 1 de novembro de 2018. Non obstante, en xaneiro de 2019 serán eliminados os novos contidos -mesmo en CC- que excedan esa limitación. A compañía promete agora que os organismos que forman parte de ‘The Flickr Commons‘non se verán afectados. Amén.

Alén da cautela de poñer a bo recado os nosos datos e contidos, esta situación permítenos constatar varios extremos sobre os que xa estabamos advertidos.

State of the commons, CC, 2017

State of the commons, 2017

 

A volatilidade nas nubes

Os cambaleos financeiros das compañías teñen feito múltiplos estragos en distintas comunidades dixitais, afectando á integridade do contido e á confianza que depositamos nelas. Mención aparte merecerían os cambaleos políticos que alteran desde as institucións o patrimonio documental público. Con Flickr, demóstrase -máis unha vez- a extrema volatilidade dos contidos, dos negocios e das promesas na nube.

Os servizos de hosting (GeoCities), mensaxería (MSN Groups) e correo gratuíto (Wanadoo, Freeserve, Terra…) foron pioneiros en traizoar as súas promesas de amor eterno ao usuario de Internet. O mesmo ocorreu despois con moitas plataformas de blogging e coas redes sociais (Fotolog, Google+…), demostrando que todo o que compartimos neste tipo de plataformas pode verse formatado, antes ou despois, polas reviravoltas do negocio.

O caso Flickr exemplifica tamén o paradoxo da ‘falsa gratuidade’ dos servizos das compañías que muxen e venden os nosos datos en Internet para esixirnos despois o pagamento dun resgate polos nosos contidos. Non teñen reparos en poñer a proba a nosa conformidade: “Nada é de balde”, recoñecen agora abertamente nos seus comunicados. Non esquenzamos que a actual burbulla de Internet -a dos datos- é un monopolio centralizado para o cal nós non somos apenas o produto: os datos son os nosos datos, o servizo prestámolo nós -como curadores de contidos- e nós pagamos mensualmente pola infraestrutura. Tremenda bicoca!

 

scqLab. é unha iniciativa sen ánimo de lucro que dialoga con proxectos culturais, científicos e tecnolóxicos, experimentando con técnicas contemporáneas de documentación.