Fondo documental DOAME

By in Reviews on 13 Febreiro, 2020

O Arquivo Histórico Universitario de Santiago de Compostela vén de presentar o proxecto de Documentación da Oposición Antifranquista e o Movemento Estudantil na USC

histagra proxecto doame

DOAME é unha iniciativa do Grupo HISTAGRA (Historia Agraria e Política do Mundo Rural. Séculos XIX e XX) en colaboración co Arquivo Histórico Universitario de Santiago de Compostela para recoller, catalogar e conservar os materiais xerados polos movementos do estudantado compostelán. Trátase de constituír un fondo documental que poña ao dispor das persoas interesadas toda a información pública e privada do movemento estudantil entre 1960 e 2000: pasquíns, notas de prensa, discursos, apuntamentos varios, follas voandeiras, gravacións, fotografías, colantes e outros documentos relacionados co movemento estudantil e a súa historia.

O grupo de investigación HISTAGRA-USC ten recibido nos últimos anos, distintos arquivos de documentación de particulares relacionados coa loita estudantil na Universidade de Santiago levada a cabo contra a ditadura franquista, mais tamén na transición política e até o ano 2000. Atendendo á importancia da documentación recibida como fonte de investigación histórica estes materiais incorpóranse á colección do Arquivo Histórico Universitario da USC para a súa custodia, organización e difusión.
 

Un fondo aberto

Entre os materiais recollidos até hoxe figuran o Fondo Rodríguez Holguín (material asemblear dos CAF dos anos oitenta e principios dos noventa); o Fondo Martínez Rivas (documentación dos CAF e das eleccións da USC); o Fondo Monterroso Devesa (documentos políticos e de propaganda do PSG); o Fondo Fernández Prieto (documentación dos anos oitenta: CXTG, CIG, SGEI, Adiante…); o Fondo García del Río (xornais clandestinos de oposición do PCG); Fondo Álvarez Prada (dossier de prensa do movemento estudantil da USC 1984 -1987).

A vontade do proxecto -presente no propio nome da iniciativa- é constituír un fondo aberto. Todas as persoas interesadas en doar materiais poden poñerse en contacto co Grupo HISTAGRA. A documentación cedida será inventariada para a súa custodia e acceso público no AHUS.

scqLab. é unha iniciativa sen ánimo de lucro que dialoga con proxectos culturais, científicos e tecnolóxicos, experimentando con técnicas contemporáneas de documentación.