Gráfica obreira e anarquista

By in Reviews on 18 Decembro, 2019
Camións da FAI

A exposición ‘Gráfica anarquista. Fotografía e revolución social‘ é parte dun proxecto de investigación máis amplo.

Fotografía e revolución social

O Arquivo Fotográfico de Barcelona acaba de inaugurar a exposición “Gràfica anarquista. Fotografía i revolució social, 1936-1939” que reúne obras de Kati Horna, Margaret Michaelis, Pérez de Rozas e Antoni Campañà. A exposición que se pode ver até o 16 de maio propón un percorrido polo fondo fotográfico da Oficina de Información e Propaganda que a CNT-FAI creou en Barcelona durante a Guerra Civil co obxectivo de artellar e espallar a revolución social no contexto da loita contra o fascismo.

A exposición que forma parte do proxecto de investigación ‘Gràfica Obrera i Anarquista‘ inclúe fotografías, revistas, postais, libros, carteis e imaxes en formato dixital que se conservan no Centro Documental de la Memoria Histórica, en Salamanca, no Instituto Internacional de Historia Social (IISG), en Amsterdam ou no propio Arxiu Fotogràfic de Barcelona.

Les dones de la col·lectivitat‘ (Pérez de Rozas, 1937) AFB

O proxecto de investigación

Gràfica Obrera i Anarquista‘ (1870-1939) é un proxecto de investigación interdisciplinario que aborda por primeira vez -no seu conxunto- o legado gráfico do movemento libertario. O obxectivo inicial era ampliar o coñecemento sobre a ricaz produción visual e iconográfica do anarquismo, un movemento sen fronteiras. Como é lóxico, o traballo realizado apenas logra abranguer unha parte do acervo cultural e histórico do anarquismo barcelonés, con mencións moi puntuais a outros territorios como Madrid ou Aragón. A experiencia está a sinalar o camiño a seguir noutros lugares, a fin de irmos completando un largo panorama.

A investigación céntrase na dimensión gráfica da enorme produción editorial anarquista encarnada en múltiples xornais, revistas, folletos, boletíns e libros; así como no traballo das persoas que colaboraron na empresa libertaria como fotógrafos, cineastas, debuxantes, deseñadoras, tipógrafas e outras profesionais vinculadas ás artes gráficas.

Concibido como un traballo para tres anos, o proxecto xa gañou unha dimensión pública, a través de diversos seminarios, obradoiros e debates realizados nos últimos anos. A investigación comeza agora a súa fase de madureza, coa montaxe dun importante evento expositivo. Finalmente, está previsto que o proxecto conclúa coa edición de dous libros que se publicarán en 2020 e 2021: o primeiro, centrado na fotografía e o segundo, na ilustración libertaria.

‘Naturismo’, un traballo de Josep Renau para a portada de ‘Estudios’ (nº10, 1936)

Apoio público e social

Gràfica Obrera i Anarquista (1870-1939) é un proxecto do Observatori de la Vida Quotidiana (OVQ), patrocinado por La Virreina Centre de la Imatge, unha institución museística municipal dedicada á arte contemporánea en Barcelona. A pesar deste vínculo institucional, entre as diversas entidades colaboradoras no proxecto, figuran algúns dos principais centros de documentación libertaria como o Ateneu Enciclopèdic Popular, a Fundación Anselmo Lorenzo ou a Fundación Salvador Seguí.

O Observatori de la Vida Quotidiana (OVQ)

OVQ é un colectivo independente e transdisciplinar que traballa desde 1999 en proxectos de investigación histórica e etnográfica na cidade de Barcelona. O seu principal obxectivo é combinar as ferramentas da investigación social co poder evocador das artes gráficas e visuais. Os seus traballos – libros, exposicións, documentais, páxinas web – exploran temas como a historia da reportaxe gráfica, as mobilizacións cidadás, as pegadas coloniais ou a recuperación da memoria histórica popular dos barrios a través dos fondos fotográficos domésticos (MVB) .

Web do proxecto de investigación: http://www.graficaanarquista.com

A exposición Gràfica anarquista. Fotografía i revolució social, 1936-1939‘ no Arxiu Fotogràfic de Barcelona

  • Un exemplar de 'Solidaridad Obrera' de 1907
  • Deseño de Fermí Sagristà para 'Fuerza Consciente: revista mensual ilustrada dedicada a la propaganda anárquica y revolucionaria' (nº6, 2019)
  • La Revista Blanca Publicación quincenal de sociología, ciencias y artes 1898-1936 Madrid-Barcelona
  • Portada da revista Estudios (1931)
  • Naturismo en 'Iniciales: la revista de los espíritus libres' (xuño, 1933)
  • 'Tiempos nuevos: Revista de sociología, arte y economía' (Barcelona, 1934-1937)
  • 'El instinto de la vida', traballo de Kati Horna para 'Umbral' (Valencia, Barcelona 1937-1939)

scqLab. é unha iniciativa sen ánimo de lucro que dialoga con proxectos culturais, científicos e tecnolóxicos, experimentando con técnicas contemporáneas de documentación.