History From Below: a historia é o novo punk

By in Reviews on 23 Marzo, 2018

A historia desde abaixo

Desde 2012, unha rede de cooperación internacional, formada por activistas da historia, artistas e arquiveiras independentes, trata de promover novas formas de abordar e presentar a historia.

Fundada en Barcelona, History From Below, pretende visualizar o rexurdimento do movemento mundial de activismo histórico e do interese público pola historia radical. Esta plataforma internacional colabora, á marxe do ámbito académico, desenvolvendo ideas para achegar a historia social a novas e maiores audiencias.
 

A historia como obra colaborativa

A “historia desde abaixo” é o estudo das clases explotadas, das voces esquencidas dos homes e mulleres anónimos ignorados polas historias oficiais, e como tal, supón unha crítica das versións dominantes e elitistas do pasado. Mais, a historia “desde abaixo” é tamén un xeito activo de abordaren as persoas a súa propia historia desde a auto-organización, afrontando a opresión e a pobreza.

O que comezou na década de 1960 como unha iniciativa académica, certamente elitista, de algunhas universidades do noroeste de Europa, foi desafiada na década de 1970 por movementos como o History Workshop en Inglaterra ou o Dig-where-you-stand en Suecia, que tentaron democratizar o estudo, a práctica e a produción da historia.

Corenta anos despois, Internet ofrece novas oportunidades para a investigación e a difusión da información histórica. A colaboración internacional axuda a retomar as ideas da “historia desde abaixo” e a comprender a historia nun contexto máis amplo: engadindo máis diversidade, xogo e creatividade para revisar e vigorizar unha disciplina algo estancada; desenvolvendo novas ferramentas e técnicas para compartir coñecemento e comunicar a historia radical a un público máis amplo, incluidos os turistas, a xuventude e as comunidades locais, inspirando ás personas a encetar a súa propia práctica histórica.
 

A historia é o novo punk

History From Below quere promover unha nova xeración de historiadores DIY desde abaixo e cara adiante. Mesturando o activismo coa forza emotiva da arte e o teatro de rúa, a xeolocalización coa alegría da solidariedade internacional e o humor cunha historia social que tamén conta con moitas vitorias que celebrar. Un espirito que se reflicte no lema que adoptaron: history is the new punk.

http://radical.history-from-below.net/

 

scqLab. é unha iniciativa sen ánimo de lucro que dialoga con proxectos culturais, científicos e tecnolóxicos, experimentando con técnicas contemporáneas de documentación.