Celebrando a insubmisión a través do teatro documental

By in Reviews on 20 Febreiro, 2019

Insubmisión | Teatro documental

Transcorridos máis de 30 anos, o teatro documental aborda a memoria do movemento contra o servizo militar obrigatorio, inadvertida para a maioría das institucións.

 

O triunfo da desobediencia

O 20 de febreiro de 1989 -fai agora trinta anos-, 57 mozos insubmisos presentáronse diante das autoridades militares para faceren pública a súa negativa a cumprir o servizo militar obrigatorio e a prestación social substitutoria (PSS). Comezaba daquela a fase final do que quizais sexa o maior movemento de desobediencia civil rexistrado en Europa nas últimas décadas. En apenas 12 anos de loita polos dereitos individuais e pola desmilitarización social, 50.000 xóvenes vanse declarar insubmisos e 1.670 serán encarcelados.

O da insubmisión foi un movemento antimilitarista, e por tanto pacífico, asembleario, descentralizado, non capitalizado por ningún partido político. Con el apareceron numerosos colectivos e grupos de apoio. Unha grande vaga de solidariedade festiva que propiciou a produción masiva de música, revistas, folletos e iconografía antimilitar.

O triunfo daquela estratexia de desobediencia é inapelábel. Despois de 150 anos de vixencia, o 9 de marzo de 2001, o Consello de Ministros aprobaba a suspensión do Servizo Militar Obrigatorio. En 2002 o Goberno verase forzado ademais, a reformar o Código Penal e o Código Penal Militar para suprimiren os delictos relacionados coa insubmisión, o cal supuxo de facto a amnistía para os perto de 4000 insubmisos procesados. Na víspera da desaparición do recrutamento obrigatorio había máis de 10.000 insubmisos e case un millón de mozos xa se declararan obxectores de conciencia.

O movemento pola obxección de conciencia foi un fenómeno de enorme relevancia social que contribuiu á cultura da paz e á conquista de dereitos fundamentais.
 

Desobedientes: la insumisión presa (Documental, 2017)
 

A memoria insubmisa: a excepción navarra

Transcorridos máis de 30 anos do seu inicio, constatamos que a memoria do movemento contra a ‘mili’ segue sen contar coa atención e consideración que merece. Agás en Navarra, onde o movemento goza desde o ano pasado dun amplísimo recoñecemento institucional, semella que esta efeméride pasou inadvertida para a maioría das institucións da memoria.

Entre outras actuacións, o Goberno Foral está a impulsar a creación dun Arquivo da Obxección de Conciencia e da Insubmisión en Navarra. Neste sentido, o Instituto Navarro da Memoria realiza xuntanzas de traballo con activistas, así como analistas e profesionais dos medios de comunicación que tiveron contacto directo cos colectivos implicados. Trátase de coñecer a súa vida orgánica, recompilando e inventariando os seus arquivos. O Instituto orientará en procesos de elaboración de distintos tipos de “egodocumentos” (recopilacións epistolares ou fotográficas, autoentrevistas, autobiografías escritas por parte de activistas, familiares, responsábeis políticos, funcionarios, etcétera). O traballo inclúe a elaboración dun catálogo de fontes hemerográficas e audiovisuais con todos os rexistros de radio e TV.

O Arquivo da democracia da Universitat d’Alacant incorporou en 2018 un Arquivo histórico do movemento de obxectores de conciencia no País Valenciano co obxectivo de facelo público e accesíbel a través do seu inventario, catalogación e dixitalización. Este fondo constituiuse en Gandía coas aportacións individuais de oito persoas e documentos dos colectivos -aínda activos- do MOC (Moviment d’Objecció de Consciència) de Valencia e Elxe, este último coñecido como Grup Tortuga.

 

A insubmisión no teatro documental

En 1993, César Goldi -actor e veciño de Teo (A Coruña)- foi xulgado e condenado a 2 anos, 4 meses e 1 día de prisión por negarse a realizar o servicio militar e a PSS. ‘Goldi libre‘ (autorretrato dun insubmiso preso nos cárceres de Felipe González) é un traballo escénico que xorde daquela experiencia persoal, daquela historia de vida.

Cartaz Goldi Libre | InsubmisiónO proxecto foi sementado e criado integramente na Berberecheira teatral promovida por Chévere nos anos 2015 e 2016. A Berberecheira é unha iniciativa que trata de ampliar a documentación escénica de feitos e historias que conformaron e seguen a dar forma ao mundo que nos tocou vivir (insubmisión, emigración, violencia obstétrica…).

Na liña do teatro documento, esta proposta veu explorar o testemuñal, levando á escea unha realidade e non apenas unha apariencia de realidade. A obra volve sobre a memoria do movemento de insubmisión e sobre as persoas que formaron parte del, mostrando o éxito da súa estratexia de desobediencia e confrontación non violenta co Estado.

O actor conecta o seu testemuño persoal coa memoria colectiva da súa xeración, ofrecendo desde o escenario una perspectiva desenfadada, irreverente e mesmo desmitificadora do activismo social e político dos anos 80 e 90. A virada artística do actor protagonista sobre a súa propia historia conforma unha peza verdadeiramente orixinal.
 

Teaser de ‘Mili KK’
 
En 2018 os dramaturgos Jumon Erra e Marc Angelet, botaron a andar ‘Mili KK‘, outro espectáculo sobre o movimiento dos insubmisos, desta volta desde os presupostos do teatro Verbatim (verba a verba).  O espectáculo parte logo dunha testuña fiel, de primeira man ou “ao pe da letra”, de insubmisos, militares, xornalistas, xuíces e políticos, sobre o movemento que conseguiu abolir a mili en España.
 

Breve apuntamento sobre o teatro documental

“Os feitos máis improbábeis que aquí se expoñen ocorreron en realidade… Os diálogos máis inverosímiles,… foron mantidos literalmente; as ficcións máis rechamantes son citas”

Os últimos días da humanidade, Karl Kraus

 

O documento é o fundamento sobre o que se sostén toda obra documental. A diferencia do drama histórico, a obra de teatro documental é un texto artellado sobre distintos soportes extraídos da realidade. Tanto é así que o escenario do teatro documental xa non presenta unha realidade simulada ou verosímil, unha ficción, senón un fragmento da realidade existente.

O documento é un construto social. Os individuos cobran significado no drama en tanto que son compoñentes dunha entidade maior. O escenario documental é onde acontece a produción de memoria social.

Considérase a Georg Büchner (1813-1837) o primeiro dramaturgo documental. Na súa obra ‘A morte de Danton’ (1834) incorpora o documento á acción dramática, utilizando citas literais dos discursos, escritos e diálogos mantidos na Asamblea Nacional Francesa. Ademais, Büchner utiliza o suceso histórico francés como modelo para falar do acontecer social e político do seu propio país.

Karl Kraus e outros moitos autores valeranse posteriormente de distintos documentos, para mostrar a realidade decadente do seu tempo. Os autores documentais utilizan o documento como elemento predominante do drama para mostrar os feitos, mais sobre todo os seus antecedentes, motores e circunstancias. Unha obra documental debe mostrar as causas. Ten que informar, mais sobre todo criticar o encubrimento e o falseamento da realidade.

O teatro documento contemporáneo, como medio de información e denuncia, segue o modelo do teatro de axitación dos anos 1920 e vencéllase ao concepto de Teatro Político, desenvolvido daquela por Erwin Piscator a partir da asunción expresionista do home como ser social.

No ronsel de Piscator e Brecht, xa nos anos 1960, Peter Weiss integrará de forma textual ao seu traballo as testemuñas do xuízo aos responsábeis do campo de concentración de Auschwitz, creando algunhas das máis representativas pezas do teatro documental.

O teatro ‘verbatim’ é unha forma de teatro documental que reproduce sen alteracións o rexistro exacto das testemuñas dos acontecementos. A súa orixe pode remontarse ao teatro de testemuña dos anos 1930, cando o programa federal norteamericano Living Newspaper Project promovía a creación de espectáculos a partir da lectura dos xornais. A isto engadirase a influencia de Brecht, Augusto Boal ou Joan Littlewood, representante do chamado “social documentary theatre”. Mais o teatro verbatim terá o seu impulso definitivo nos anos 1970, trala popularización do uso do magnetófono. Nos anos 1990, o teatro verbatim rexurde con forza e unha intencionalidade política clara.

En moitos lugares do mundo hai persoas que desexan mellorar a vida da xente a través do teatro, tomando unha vía experimental e transdisciplinaria que se apoia na antropoloxía, na filosofía ou na historia para fundamentar os seus procesos creativos. O teatro documental ofrece estratexias alternativas fronte á historia oficial e o discurso dos medios hexemónicos que interpretan indefectibelmente un relato de lexitimación do poder establecido.

 

O teatro documento no Dicionario do CCG

Notas sobre o teatro documental (Peter Weiss, 1968)

Texto de Anxo Abuín sobre o teatro ‘verbatim

El Teatro Documento. Una Alternativa Para Denunciar La Violencia (Tese de R. A. Valent Rodriguez Herrera)

El Archivo de la Democracia recibe el fondo histórico del Movimiento de Objeción de Conciencia (UA, 2018)

Insumisión. Una forma de vida (Libro de Rosario Domínguez -nai insubmisa-, 2012)

En legítima desobediencia: tres décadas de objeción, insumisión y antimilitarismo (Libro, 2002)

 

scqLab. é unha iniciativa sen ánimo de lucro que dialoga con proxectos culturais, científicos e tecnolóxicos, experimentando con técnicas contemporáneas de documentación.