Mal de arquivo: o porvir da memoria

By in Reviews on 22 Febreiro, 2019

Jacques Derrida analizou as forzas que operan na conformación do arquivo como recipiente do subconsciente.

radicalphilosophy.com

Jacques Derrida (radicalphilosophy.com)


Sigmund Freud mostrou que a memoria e a historia son textos sometidos a unha continua revisión, represión, negación e censura. É por iso moi difícil tratar o tema do arquivo sen toparnos unha e outra vez con algunha interpretación procedente da psicanálise.

En ‘Mal de arquivo‘, Jacques Derrida analizou as forzas que operan na conformación do arquivo como recipiente do subconsciente, onde habitan as nosas pantasmas familiares, subliñando a relación existente entre poder e arquivo. Para este autor, todo arquivo, como arca da memoria, é ao mesmo tempo instituínte e conservador, revolucionario e tradicional.
 

O porvir da memoria

O arquivo non é apenas un lugar de almacenamento e conservación do pasado. A súa estrutura técnica determina a propia estrutura do contido arquivábel cando xorde e na súa relación co porvir. Porque o arquivo, afirmou Derrida, é unha cuestión do porvir, do desexo, dunha responsabilidade co noso futuro. O saber e a memoria están vinculados á promesa.

A pulsión de ‘archivation‘, afirma, produce, tanto como rexistra, o acontecemento. A interpretación do arquivo non pode aclarar esa herdanza dada sen inscribirse nela, abríndoa e enriquecéndoa abondo para facerse sitio nela de pleno dereito. E reparemos tamén na ausencia de arquivo, na represión do mesmo, no arquivo que non chegou a ser.

Para Jacques Derrida, ninguén mostrou mellor que o patriarcal Sigmund Freud como o principio, o ἀρχή (arkhé) da institución, da domiciliación, da filiación, este sentido arcóntico, paterno, non se formula máis que repetíndose; atopando a súa solución no parricidio (aínda que este sexa reprimido), e -acrecenta Derrida- no mellor dos casos, na toma de poder do arquivo polos irmáns. “A igualdade e liberdade dos irmaos. Unha certa idea aínda viva da democracia”.

En 2015 presentamos o relatorio ‘Arquivo e dominio’ nas II Xornadas de Documentación do Ateneo Ferrolán. Este apuntamento formaba parte daquela reflexión.

 

scqLab. é unha iniciativa sen ánimo de lucro que dialoga con proxectos culturais, científicos e tecnolóxicos, experimentando con técnicas contemporáneas de documentación.