Mapa Emocional de San Pedro
Un proxecto participativo percorre a experiencia emocional da veciñanza dun barrio de Compostela.
A experiencia da veciñanza
No ano 2017, Santiago de Compostela iniciouse na cartografía subxectiva da man dun proxecto participativo impulsado polo Concello. O Mapa emocional é un espazo de intercambio comunitario onde dimensionar o patrimonio inmaterial e a experiencia emocional da veciñanza sobre o rueiro de San Pedro.
O Mapa concrétase nun arquivo dixital da vida cotiá, que dispoñibiliza en Internet as distintas recollidas realizadas. A experiencia transfórmase así nunha ferramenta interactiva que pretende perdurar no tempo e abranguer outros espazos da cidade. Entre as accións desenvolvidas resalta “San Pedro: Manual de Instrucións”, unha proposta artística que discorre a xeito de audio-paseo polo barrio.
Outros mapas
O colectivo Gruby Punkt xa realizara no noso país outras experiencias coma o “Mapa Subxectivo de Valadares” ou o da Praza da Princesa de Vigo, mapas emocionais, subxectivos ou sensoriais, inspirados na ‘dérive‘ situacionista.