MDMArquive: os novos arquivos comunitarios

By in Reviews on 17 Decembro, 2017

O Manchester Digital Music Archive é un arquivo comunitario en liña creado para celebrar a música de Manchester e a súa historia social.

Manicured Noise - MDMA
 

Memoria da música popular

A música popular é sempre un dos capítulos máis apaixonantes da memoria colectiva. O público recoñece e comparte esta faceta da cultura, tan crucial para a épica xuvenil, con músicos, cantantes e DJ’s, xente corrente que se realiza dun xeito creativo, atractivo e pouco convencional.

Nos últimos anos, distintas cidades do mundo, orgullosas do seu patrimonio musical, pertrecháronse dalgunha plataforma para partillar recordos e historias vencelladas coa música local. Aproveitando a riqueza da súa escea musical, algúns destes proxectos lograron unha notábel repercusión. Convén parar un anaco sobre esta filosofía de traballo.

O obxectivo explícito de proxectos como MDMArchive ou o Birmingham Music Archive é celebrar a memoria colectiva, preservar e facer accesíbel este patrimonio, promovendo a conciencia da súa importancia cultural. Na crenza de que é posíbel democratizar o patrimonio, a través do crowdsourcing que se establece entre o público e todas as outras persoas involucradas na escea, estes arquivos proporcionan unha plataforma colaborativa e non comercial para partillar múltiples versións da historia.

 

Novos arquivos comunitarios

Neste tipo de arquivos é o público quen decide o que é importante. Non existe pois tampouco unha xerarquía en función das listas de vendas ou de supostos cánons ou méritos artísticos. O que propoñen os novos arquivos comunitarios, en calquera ámbito, é desvelar os capítulos agochados e as comunidades subrepresentadas dentro dunha determinada escea local.

MDMArchive forma persoas voluntarias para que adquiran as habilidades que lles permitan documentar e preservar a herdanza musical e social da súa comunidade. Destrezas como a dixitalización, a curación e a narrativa dixital; a realización de filmes ou a xestión de eventos e contidos. Unha capacitación dixital que cobra sentido na experiencia da comunidade.

https://www.mdmarchive.co.uk

 

scqLab. é unha iniciativa sen ánimo de lucro que dialoga con proxectos culturais, científicos e tecnolóxicos, experimentando con técnicas contemporáneas de documentación.