Mulleres libres

By in Reviews on 6 Marzo, 2019

Mujeres Libres
Despois de 80 anos, o testemuño das mulleres que fixeron a revolución segue agardando a remuda. Para mudalo todo.

 

As anarquistas e o feminismo

As anarquistas rexeitaron sempre a súa adscrición aos movementos feministas da burguesía. Mentres as sufraxistas trataban de igualarse en privilexios ao home, asumindo os presupostos sociais e políticos vixentes, o anarquismo propugnaba (e aínda propugna) unha loita humanista para abolir o privilexio. Conscientes da natureza inmoral, corrupta e represiva do poder, a emancipación da muller ten para as anarquistas o obxectivo promordial de intervir por si mesmas na emancipación humana.

Teresa Claramunt (1862-1931), Teresa Mañé (1865-1939) e Belén Sárraga (1873-1951) foron as pioneiras en España desta nova análise do poder. Un labor que resultará trascendental para afrontar a organización das mulleres contra o autoritarismo e a guerra na primeira metade do século XX. As anarquistas esixían traballo e educación para conquistar a independencia, dignidade e liberdade das mulleres. A revolución social comeza no ámbito doméstico, no trato e nas relacións coa parella e continúa no ámbito da produción e no medio sindical, onde as mulleres teñen que afrontar as actitudes machistas dos seus propios compañeiros. O debate sobre a pertinencia ou non de constituír organizacións autónomas de mulleres, verase superado polos acontecementos.

 

A organización de Mujeres Libres

En 1934 nace en Barcelona o Grupo Cultural Femenino para fomentar entre as mulleres un papel máis activo nos sindicatos e no Movemento Libertario. Nese tempo, en Madrid, Lucía Sánchez Saornil (1895-1970), Mercedes Comaposada  (1901-1994) e Amparo Poch (1902-1968), máis centradas na educación, na ciencia e na cultura que na actividade sindical, poñen en marcha Mujeres Libres. A principios de 1936 os dous grupos comezan a coordinarse, adoptando o catalán a denominación de Agrupación Mujeres Libres. O primeiro número da revista Mujeres Libres foi publicado o 20 de maio de 1936 co obxectivo de “espertar a conciencia feminina cara as ideas libertarias”.

Escuela de Mecánica

A revolución social que se produce tralo Golpe de Estado de 1936 foi un acontecemento trascendental. A muller tomará daquela un protagonismo cívico sen precedentes que a levará a asumir responsabilidades en todos os ámbitos.

En agosto de 1937, celébrase en Valencia o primeiro Congreso Nacional de Mujeres Libres onde se constitúe a Federación de Mujeres Libres, chantando os alicerces para a creación de “unha forza feminina consciente e responsábel que actuara como vangarda do progreso”.  Identificada coas finalidades xerais da CNT e a FAI, a organización das mulleres afirmábase na súa autonomía, constituíndo o primeiro movemento feminista autónomo de base popular.

A Federación acadou máis de 20.000 afiliadas e mantivo 147 agrupaciones locais, distribuidas entre a zona Centro, Cataluña, Aragón, Levante e Andalucía. Chegando a crear agrupacións en distintos países de Europa e América. Para capacitar á muller e impulsar a súa emancipación a Federación establecerá escolas, institutos, ciclos de cursos e conferencias. Deste esforzo xurdirán o Casal de la Dona Treballadora, en Barcelona, o Instituto Mujeres Libres de Madrid e a Casa de la Cultura de Valencia.

Federación de Mujeres Libres

 

A revista ‘Mujeres Libres

A expresión feminina do movemento libertario español atopou na revista ‘Mujeres Libres: Cultura y documentación social’ un voceiro excepcional. Unha publicación moderna onde as mulleres analizaban os novos problemas que atopaban no traballo e na loita social, identificando os axentes da opresión e reivindicando as condicións para a súa emancipación. Mujeres Libres apostaba por unha liña editorial moi avanzada que trataba de bascular a liberdade feminina no desenvolvemento da independencia psicológica e da autoestima, na autoafirmación das mulleres no proceso de liberación persoal.

Revista Mujeres LibresA revista difundía información sobre os máis avanzados coñecementos en pedagoxía, puericultura, hixiene, sexualidade e anticoncepción, avogando polo aborto libre. Os obxectivos máis inmediatos eran a ilustración da muller e o dereito a un salario digno que impedise a necesidade de poñer en venda os seus corpos. Á defesa do amor libre, baseado na idea de que a sexualidade pode contribuír á transformación social, súmase a campaña que levaron a cabo en prol dos Liberatorios de Prostitución.

Alén das citadas impulsoras da revista, entre as colaboradoras atopamos outros nomes senlleiros da cultura libertaria española e internacional como Consuelo Berges, Rosa Chacel, Carmen Conde, Áurea Cuadrado, Soledad Estorach, Etta Federn, León FelipePilar Grangel, Emma Goldman, Kati Horna, Lola Iturbe, Ada Martí, Federica Montseny ou Suceso Portales.

Mujeres Libres publicou 13 números, entre 1936 e 1938. A revista, editada en cores, foi maquetada e ilustrada polo artista zamorano Baltasar Lobo, o único home de MMLL.

Tralo triunfo nazi-fascista, ‘Mujeres Libres’ terá continuidade no exilio, sendo publicada entre 1964 e 1976 en Londres e no sul de Francia. Entre 1977 e 1978 editarase tamén en Barcelona.


Indomables: una historia de Mujeres Libres (Documental producido por Zer Ikusi / CGT Euskadi, 2011)

Os 13 números de ‘Mujeres Libres’ (Archive.org, PDF)

Mujeres Libres, 1936-1979 (Edición de Mary Nash, PDF)

Free Women of Spain: Anarchism and the Struggle for the Emancipation of Women (Martha A. Ackelsberg, PDF)

Mujeres Libres (1936 – 1939): precursoras de un mundo nuevo (Exposición itinerante da Fundación Anselmo Lorenzo)

Pequeña antología anarcofeminista (PDF)

scqLab. é unha iniciativa sen ánimo de lucro que dialoga con proxectos culturais, científicos e tecnolóxicos, experimentando con técnicas contemporáneas de documentación.