O desencanto de Internet

By in Laboratorio on 26 Marzo, 2019

Al Gore Rhythm Great Collapse

Este texto de 2011 mostraba o noso radical desengano co modelo de desenvolvemento de Internet. A perspectiva non mudou demasiado cando se cumpren 30 anos da WWW.

“Unha saída: se os homes teñen sacrificado ideais e vida pola invención dun vehículo, toma o vehículo para escapar dos cadáveres e achégate aos ideais”.

Karl Kraus

 

A mundialización do dominio cibernético

Hai vinte anos mostrabámonos aínda demasiado escépticos fronte á vaga propagandística da tecnocracia cibernética que comezaba a asolagar Europa. Sentiamos unha enorme desconfianza por aquela primeira lexión de expertos que utilizaba unha linguaxe realmente odiosa para referirse a nós e ás cousas que apreciabamos. Sabiamos que trala retórica xerencial dos ‘recursos de información’ (o saber) e dos ‘recursos humanos’ (as persoas) viña toda unha delegación comercial da industria que preparaba o terreo da internacionalización do negocio de computadoras, software e telecomunicacións. Mais debemos recoñecer que nunca puidemos imaxinar a magnitude do desafío que suporían as certezas que hoxe temos sobre a propagación mundial dese poder económico e tecnolóxico e do condicionamento implícito a este fenómeno.

A industria tecnolóxica non deixou de medrar desde aquela, esporeada por un modelo económico baseado no crecemento expoñencial da interdependencia e na acumulación e concentración capitalista. Este fenómeno apuntalou o proceso de mundialización do mercado e da ideoloxía de consumo xerando un efecto de aceleración e falsificación do tempo, e contribuíu a instituír a globalización da insolidariedade como horizonte ético.

Contan que o pai do Vicepresidente Al Gore, alcuñador da expresión ‘Autoestradas da Información’, foi un dos grandes impulsores da construción de autoestradas durante os anos 50. Semella que trala caída do muro de Berlín o réxime de produción substituíu as clases proletarias polas masas superconsumidoras coas que soñaba hai tempo. Os estados implicáronnos a todos nestas novas “industrias da modernización” mediante o financiamento público das custosas infraestruturas de telecomunicacións que dan soporte á extensión do dominio.
 

Na burbulla da ‘nova economía’

Os apóstoles do crecemento apostaron forte pola pretendida “nova economía”, instigada pola circulación global do diñeiro e aplicáronse en rede á creación de activos para a especulación e o desfalco financeiro. Convén recordar que Bernard Madoff, mundialmente célebre por seren condenado a máis de 150 anos de cárcere por fraude piramidal, foi tamén o impulsor e coordinador xefe do NASDAQ, o mercado de valores tecnolóxicos máis grande do mundo, principal escenario da chamada “burbulla punto com”.

A estratexia deste mercado tecnolóxico incorre de maneira sistemática na práctica especulativa do dumping predatorio, consistente nunha falsa promesa de gratuidade ou baixo prezo inicial até impoñer o seu monopolio. Mentres tanto, a propaganda falaz machaca insistentemente nas vantaxes dunha tecnoloxía inócua, cando sabemos xa que a súa contribución ao quecemento global xa é superior ao do transporte aéreo.
 

Poesía e aceleración: o simulacro da identidade

Con todo, aquelas redes de factura militar e académica van supoñer un terreo de xogo moi fértil para esa literatura asistémica que non se axusta ao gusto e á corrección política das elites. A permeabilidade dos protocolos vai permitir un novo impulso á disciplina da autoedición. E xunto aos proxectos individuais vanse multiplicar os actos de coordinación, moitas veces alén da vinculación persoal e da compoñenda ideolóxica. Revistas dixitais, redes, filocafés, círculos… interesantes proxectos e publicacións colectivas. Un novo impulso colectivista que a estas alturas deberíamos poñer baixo observación.

Agora sabemos que os novos medios tampouco supoñen a creba da ortodoxia. De certo, apenas veñen iluminar os estados de descomposición e de recomposición social existentes, e a persistencia do ídolo institucional que xestiona unha determinada imaxe da hecatombe circundante. Os tratantes, hai tempo en proceso de reconversión, xa están avisados de que Internet abre unha posibilidade de revisar e visibilizar os propios fenómenos periféricos, particularmente a autonomía do individuo, nos termos da mercadotecnia.

Antes de Internet viaxabamos nun tren no que a miúdo estaba prohibido asomarse ao exterior. Hoxe, cun brinde, fica abolido o interior por medio dun proceso de liberalización que se consuma en actos de comunicación, de relacións públicas e de representación social. Situámonos na actualidade en tal estadio de alleamento que a vertixe producida pola ditadura da economía aboca aos individuos á expresión dunha imaxe de marca no karaoke autorreferencial das redes sociais. Este negocio está a instituír, a socializar globalmente, a obriga de sermos alguén, de estarmos sempre a sorrir desde a nosa “liña de estado”, nunha performance individualizada, un novo simulacro de identidade que xestionamos con afán inusitado.

Hoxe escoitamos que o pulo inherente ao medio electrónico contribúe á fatal aceleración que banaliza o labor literario e se nos mostran probas de que incluso está a modificar os procesos de coñecemento. As moi devaluadas aprendizaxes medulares da interpretación, da crítica, da imaxinación son suplantadas agora polo training. As tradicionais aptitudes contrastadas do coñecemento -do saber- son substituídas por destrezas tecnolóxicas.

A sociedade de consumo é cada vez máis unha masa intelectualizada (programada), co obxectivo de servir de maneira distribuída e eficiente á xestión do desastre que estimulan os novos modelos de negocio. Participar, como eufemismo de consumir, é a palabra que resume o desexo da sociedade masa. O poder esmagador da economía reparte as súas competencias entre os individuos, facendo de cada quen un policía de si mesmo. Xa estamos advertidos de que nos convén distinguir dunha vez por todas entre a arte poética e o entertainment, dado que a súa confusión interesada destrúe a arte e fortalece a dominación.
 

Exhibicionismo, domesticación e abandono

O móbil e as aplicacións 2.0 mercantilizan e aniquilan hoxe un amplo espazo da intimidade, centralizando aínda máis a existencia no espello da vida privada. A banalización e virtualización da personalidade en aras da promoción persoal semella ser hoxe unha estratexia vital para o individuo fronte ao actualísimo streeptease integral do sistema de dominación. Non cabe dúbida de que a entrega deste baluarte xa está a ter unha significación transcendente no camiño da realización humana, tan relevante como as repercusións da enxeñaría xenética.

Trala rutina exhibicionista está agochada a mercantilización da privacidade, toda unha domótica do sometemento. Non se insistiu abondo nos 60 en que gozar e facer gozar debían tomar parte da nosa ética? Sen esquecernos nunca de amosar rectitude ou cando menos algún carácter fronte á domesticación?

Hai poucas semanas, despois de espreguizarse ante as imaxes dunha execución, o gabinete de Hillary Clinton afirmaba que “Internet é o Che Guevara do século XXI”. Conectividade obrigatoria, libre circulación das elites, mobilidade total apenas interrompida pola “molesta pobreza” que segue a poboar o mundo. As autoestradas da información, como as outras, tamén percorren o abandono das nosas formas de vida e cultura.

A especialización sométenos, a separación redúcenos. Fronte a velocidade e o imperio da vida privada, fronte á monitorización imposta polos novos modelos de autoridade; fronte ao confort reaccionario e a submisión organizada dos novos mercados da creatividade temos a posibilidade de aceptar o risco, desafiliarnos da febre da competitividade, recuperar o control individual e construír localmente.

“Non é a escolla do vehículo senón a decisión de organizar a sociedade moderna arredor dun transporte de alta velocidade o que convirte á locomoción dunha actividade saudábel nunha forma insalubre de consumo”.

 

Ivan Illich

Fragmento do relatorio de Gaspar Domínguez “Poética de redes: a poesía no medio electrónico” (AELG, 2011). V.a.: http://scqlab.info/poetica-de-redes/

 

scqLab. é unha iniciativa sen ánimo de lucro que dialoga con proxectos culturais, científicos e tecnolóxicos, experimentando con técnicas contemporáneas de documentación.