obaixoulla.gal: patrimonio, territorio e paisaxe

By in Reviews on 20 Novembro, 2019

Un proxecto colaborativo pon en marcha un catálogo dixital aberto de elementos patrimoniais, naturais e paisaxísticos do Baixo Ulla.

Mapa patrimonial do Baixo Ulla

Mapeando a riqueza común do Baixo Ulla

obaixoulla.gal é un catálogo dixital aberto de elementos patrimoniais, naturais e paisaxísticos dos concellos de Catoira, Dodro, Padrón, Pontecesures, Rianxo e Valga. A web, presentada esta semana na Fundación Rosalía de Castro, é froito do traballo conxunto da Asociación Cultural Os Penoucos e a Asociación Comunidade O Zulo.

Todos os elementos están documentados, clasificados e xeolocalizados con mapas libres. O proxecto, de carácter colaborativo, pretende recoller a totalidade do patrimonio cultural e natural do territorio polo que discorre o río Ulla no seu treito baixo, antes de deixar de ser río e converterse en ría.

O mapa web, composto de 10 capas, xa inclúe 3.265 elementos, repartidos do seguinte xeito: 254 elementos de arqueoloxía (castros, petróglifos castelos, mámoas, túmulos, xacementos, marcos medievais, camiño históricos, paisaxes culturais, portos, necrópoles, gravados, aras, sartegos…), arquitectura relixiosa (67 igrexas, ermidas, conventos, santuarios, capelas…) e 255 elementos relixiosos (cruceiros, cruces, petos de ánimas, calvarios, vía crucis…); 169 elementos de arquitectura civil (pazos, casas reitorais, muíños de vento, escolas unitarias, escolas da emigración, xardíns, estacións de tren, casas grandes, vivendas singulares…); 130 elementos de obra civil (pontes, pontellas, portas, pombais, palcos de música, túneles, reloxos de sol, esculturas…); arquitectura industrial (con elementos do seu patrimonio industrial como telleiras, embarcadoiros, fábricas de cerámica, alfolíns, diques…); hórreos (1.829 hórreos, eiras…); arquitectura da auga (pesqueiras, fontes, lavadoiros, muíños, bombas de auga, pozos, corgos, presas…); espazos naturais (ríos, brañas, canóns, insuas, fervenzas, lagoas, enseadas, carballeiras, puntas, praias…); panorámicas (miradoiros, montes…).

Proxecto colaborativo, patrimonial e emocional

O proxecto pretende construír un relato territorial baixo unha metodoloxía participativa: incorporando entre todas os diferentes elementos do mapa, tratando de comprender, reflexionar e sinalar aspectos da realidade cotián, histórica e colectiva. Ademais de poñer en valor o patrimonio, a iniciativa quere reflectir as relacións emocionais co espazo e os diferentes significados que o territorio e a paisaxe poidan ter para os seus habitantes.

O proxecto non conta con subvencións oficiais e aspira a seguir medrando mercé ao traballo voluntario e desinteresado de persoas implicadas co territorio que habitan. A iniciativa está aberta á colaboración de entidades e persoas do Baixo Ulla. Calquera que o desexe pode enviar a súa aportación (comentarios, suxestións, textos, fotos…) para a web.

Logo de baixoulla.gal

Software libre e datos abertos

obaixoulla.gal é un proxecto baseado en software libre. A súa base tecnolóxica e todos os seus compoñentes (mapas, documentos, xestor de contidos…) están publicados baixo licenzas libres e por tanto poden ser reutilizados por calquera persoa ou organización sen restricións. Ao tratarse dun catálogo dixital aberto, o acceso aos datos non está restrinxido unicamente á súa visualización no sitio web. O acceso aos datos en distintos formatos é libre e gratuíto.

obaixoulla.gal | patrimonio + territorio + paisaxe
https://www.obaixoulla.gal/

scqLab. é unha iniciativa sen ánimo de lucro que dialoga con proxectos culturais, científicos e tecnolóxicos, experimentando con técnicas contemporáneas de documentación.