Playlist_HD: redefinindo as humanidades dixitais

By in Reviews on 13 Agosto, 2018
scqLab Humanidades dixitais

Foto: scqLab

As humanidades dixitais (HD) xorden do diálogo transdisciplinar que se produce, principalmente nos ambientes académicos, para abordar os problemas das ciencias humanas e sociais desde unha perspectiva contemporánea.

Como vén facendo a documentación, as HD aplican a tecnoloxía dixital e as novas metodoloxías adxacentes (visualización, análise e minaría de datos, recuperación e organización da información electrónica, aprendizaxe colaborativa en liña, edición de contidos…) ás disciplinas humanísticas e ás ciencias sociais.

O renovado interese polas HD pode deberse á irrupción -e presión- de novos e imprescindíbeis actores. Á comunidade académica, agora súmanse as numerosas comunidades humanas que se miran no espello de Internet, facendo uso -experto en moitos casos- de ferramentas dixitais e métodos compartidos. A inmersión dixital produce monstros pero tamén está a impulsar unha cultura preexistente de carácter positivo. Internet pariu, entre outras moitas cousas dignas de consideración, unha sorte de humanidades de base popular que están a frutificar nas novas prácticas da cultura dixital.

Hoxe son incontábeis os proxectos de divulgación das humanidades e a cultura, pero tamén ao redor da memoria histórica, as linguas, a música ou a arte. Proxectos que en poucas ocasións gardan relación directa co ámbito académico de tales disciplinas senón que pertencen de seu ás persoas que colaboran de maneira aberta e democrática no intercambio cultural. As iniciativas académicas aínda están a tempo de desempoderarse e nutrirse desta diversidade, para participar quizais dun novo amencer para os estudos humanísticos e sociais.

 

Colabora Playlist_HD

Recentemente coñecemos o proxecto de investigación Playlist_HD, unha iniciativa que pretende explorar distintos métodos de edición dixital participativos. Para as súas impulsoras, Arantxa Serantes e David Domínguez Herbón, -membros da Rede de Humanidades dixitais- “faise cada vez máis necesaria, unha definición das Humanidades dixitais do Sur ou hispánicas, con carácter colaborativo, como forma de expresión da transformación dixital que se está experimentando na comunidade académica e na sociedade”.

En Colabora HD, unha das súas primeiras apostas, propoñen elaborar un texto que inclúa as humanidades espaciais ou xeohumanidades, así como outras expresións artísticas e culturais, pondo especial atención á súa finalidade e funcionalidade. Para tal fin, emprégase a plataforma Emapic desenvolvida por Cartolab-UDC e mediante un mapa xeoposicionado, recóllense distintas contribucións e anotacións. Unha vez revisados todos os comentarios, farase unha edición crítica no marco do proxecto Playlist_HD. Os datos facilitados terán unha finalidade académica e servirán para crear e posteriormente publicar, un texto colaborativo de dominio público, que sirva para redefinir as Humanidades dixitais e espaciais, recoñecendo as achegas particulares ao mesmo. Dependendo da participación, tamén se admitirán artigos e reflexións de autor, ademais dos chíos ou comentarios que xurdan na conta de Twitter, habilitada a estes efectos: @colabora_hd

Mapa colaborativo: https://emapic.es/survey/bCGfKO4

scqLab. é unha iniciativa sen ánimo de lucro que dialoga con proxectos culturais, científicos e tecnolóxicos, experimentando con técnicas contemporáneas de documentación.