Prelinger Library: navegando pola biblioteca

By in Reviews on 7 Novembro, 2017

www.prelingerlibrary.org

Unha biblioteca pública independente de San Francisco á procura da serendipidade.

A Prelinger Library é principalmente unha colección de publicacións efémeras, periódicos, mapas e libros históricos dos séculos XIX e XX, a maioría publicados nos Estados Unidos. A biblioteca está especializada en materiais de dominio público pero difíciles de atopar noutras bibliotecas.
 

Navegar pola biblioteca

Fundada por Megan e Rick Prelinger en 2004, a biblioteca non usa a Clasificación Decimal senón un sistema personalizado de organización que pretende facilitar e enfatizar a ‘navegación’. Os Prelinger gustan da “serendipia” e a súa biblioteca pon o foco na experiencia de explorar e descubrir o descoñecido dun xeito semi-aleatorio.

A disposición do fondo documental iníciase na propia cidade antes de pasar a temas sobre California e os outros estados occidentais e segue, a través das chairas, cara á costa leste. A continuación, amplíase á xeografía, á xeoloxía, á historia natural, ao uso da terra e á vida no rural. Segue con textos sobre transporte, artesanía e cultura, arquitectura e arte. A continuación, ciencia e xénero, familia, estado e política, para rematar no espazo exterior.

A Prelinger Library quere ser un taller local e non unha institución. Alí, durante un par de días por semana, os Prelinger serven o té mentres incitan ao público á reprodución e a apropiación non destrutiva da súa colección.

www.prelingerlibrary.org

 

scqLab. é unha iniciativa sen ánimo de lucro que dialoga con proxectos culturais, científicos e tecnolóxicos, experimentando con técnicas contemporáneas de documentación.