Que aprendemos? O problema do coñecemento

By in Reviews on 12 Novembro, 2018

O automatismo, a velocidade e a inercia son factores determinantes para as novísimas “realidades alternativas”.

Dan Witz

Dan Witz

 

En ocasións, a vibración do móbil é real. O aparello fornécenos unha dose de información. Ás veces, semella que algo aprendemos con iso. Mais que aprendemos?

As noticias voan, chegan ou as transmitimos nós mesmos, “como se transmiten os virus”. As noticias ofrecen algo e fican por aí, na nube. Obxectivo acadado. O estímulo ceiba no noso cerebro unha recompensa química, a dopamina, un neurotransmisor que nos resulta cada vez máis necesario e insuficiente. Esta dependencia, emparentada coa ludopatía, non implica en si mesmo coñecemento algún. Sabemos ben que o que se transmite nas redes de telecomunicación apenas son datos e informacións, mais o coñecemento require aprendizaxe.

Preguntámonos daquela se non aprendemos algo neste transo. De maneira indubidábel, adquírense destrezas ou se lle adestra a un. Mais, en esencia, esta complexa intelectualización virtual, sen o concurso da reflexión e o movemento físico, garda unha relación moi inquietante co salivar dos cans de Paulov. «Seica nos convertemos en cobaias de laboratorio que accionan constantemente pancas a cambio de migallas de recoñecemento social ou intelectual» (Nicholas Carr, 2011:146), a mercé das ferramentas da neuromercadotecnia.

Acostumados a pelexar coa enchente de datos e documentos, en ocasións parecemos esquecer o máis elemental: o problema do coñecemento non é asunto da información senón da aprendizaxe. Ten que ver coa necesidade, non co mero interese. E aínda que as persoas aprendemos por nós mesmas, non é menos certo que precisamos un medio socioafectivo e un espazo físico relacional para crearmos as condicións do noso progreso intelectual e moral. Na súa acepción máis ampla, a cooperación humana sempre conta cun elemento vertebral para esta transformación: a confianza.

A transparencia non é a solución. «A democracia é a reflexión común e non o reflexo condicionado, a confianza non pode ser instantánea» (Paul Virilio, 2010). O automatismo, a velocidade, a inercia son o factor determinante para as novísimas “realidades alternativas“.

 

Gaspar Domínguez


En La documentación en los procesos colaborativos, IX Encuentros de Centros de Documentación de Arte Contemporáneo, Artium, Vitoria-Gasteiz, 2018

 

scqLab. é unha iniciativa sen ánimo de lucro que dialoga con proxectos culturais, científicos e tecnolóxicos, experimentando con técnicas contemporáneas de documentación.