Proxecto Socheo

Proxecto Socheo

By in Reviews on 21 Decembro, 2017

Unha iniciativa colaborativa que está a localizar, estudar, inventariar e dar a coñecer filmes gravados na Guarda e no Baixo Miño.

O Proxecto Socheo botou a andar en 2012 co obxectivo de salvagardar o patrimonio audiovisual local e poñelo en común. O Equipo xa dixitalizou e dispoñibilizou en Internet centos de películas nun período que vai desde finais da década dos anos 20 ata a actualidade.

O tesouro audiovisual inclúe os filmes realizados na década do 1930 por Joaquín García Portela “Costiña”, fotógrafo da vila durante a primeira metade do século XX.

O plano de recollida e tratamento de imaxes analóxicas, complétase cas testemuñas de persoas maiores e coa gravación de aspectos sociais que definen a singularidade cultural da Guarda: os traballos do mar e do agro e outros moitos elementos da vida diaria. Resulta especialmente atractivo o material “doméstico” filmado polos propios mariñeiros embarcados para mostrar a súa vida e traballo cotián.

O Proxecto Socheo impulsa o diálogo comunitario tratando de espertar na contorna a inquietude polo audiviosual, aproveitando o carácter pedagóxico das imaxes e creando unidades didácticas. Socheo Educativo promove ademais as gravacións realizadas polo alumnado do Instituto público da Guarda.

‘Socheo’ é unha verba mariñeira que designa a última fase da preamar.

proxectosocheo.wordpress.com

 

Documentación + Contexto