Pseudociencia e biblioteca

By in Reviews on 16 Xaneiro, 2018

A censura é un elemento característico da guerra cultural.

Camisola dos anos 70 contra a censura de libros

Camiseta dos anos 1970 contra a censura de libros

A censura na guerra cultural

O argumentario básico da internacional reaccionaria parece resumirse na idea de que o “politicamente correcto” -e non as armas ou os cartos- é o que serve para impoñer a vontade das minorías a unha maioría da sociedade. Nesta perspectiva, curiosamente, aqueles que usurpan todos os privilexios preséntanse como adalides da meritocracia; aqueles que naceron e viviron na corrupción arróganse a defesa dunha pretendida “lóxica de mercado”. A “corrección política”, por contra, andaría detrás de calquera plantexamento que poña en cuestión este deseño de Deus: un darwinismo social que trata de naturalizar a inequidade, a prostración da muller ou levar pistola ao cinto.

A guerra cultural, encamiñada ao control político e económico da realidade -da linguaxe-, volve enlamar o terreo gañado para as liberdades de expresión, de información e de cátedra. A tradicional ofensiva mediática dou paso a novos frentes e a realidade é vítima de múltiples episodios de censura ou do que aínda é peor, de autocensura cotiá. Nestas lides, convén escoller as armas e medir ben as forzas dos nosos inimigos simbólicos, non vaia ser que por torpeza nos disparemos nun pe. A vehemencia de determinados discursos non debería levarnos a incorrer en prácticas que atenten contra a liberdade intelectual. Unha vitoria pírrica tamén axudaría a abrir as portas ao irracionalismo populista.
 

Pseudociencia e biblioteca

“Un estudo publicado polo CSIC alerta da presenza de literatura sobre falsa ciencia nos catálogos das bibliotecas públicas”. Así, en frío, este titular de 2018 non aporta gran cousa pois calquera pode constatar que isto é así. As bibliotecas públicas ofrecen este tipo de literatura, xunto ao dubidoso contido de milleiros doutras obras de ficción, pensamento, relixión, política, economía e as máis diversas materias. De seguido, un pregúntase a que pode obedecer este titular e se tal obviedade pode ser o principal resultado dun estudo publicado pola institución de referencia da ciencia española.

En “Análisis de la presencia de pseudociencia en los catálogos de las bibliotecas públicas españolas” os seus autores afirman que as bibliotecas poden estar a “lexitimar o discurso” da ciencia falsa ou fraudulenta”, “contribuíndo á inserción social das pseudociencias” e aventuran que “a dispoñibilidade destes fondos supón unha ameaza para a saúde da cidadanía”, dado que “supón unha aceptación simbólica da súa mensaxe” e “a cidadanía pode dispor destas obras sen ningún tipo de advertencia”.

Non abondaba coas condenas polas piadas en Internet, coa censura na principal feira de arte de Madrid, co secuestro de publicacións; a elite cultural do país -as lectoras e os lectores- semella estar condenada a unha eterna minoría de idade.
 

A biblioteca pública e a liberdade intelectual

Hai meses o bibliotecario Josep Vives (@pepvivesBIB) iniciou un interesantísimo fío onde analizaba dun xeito crítico a metodoloxía, as conclusións e as opinións dos autores deste estudo. Josep evocaba os principios reitores que conforman e dan sentido ás coleccións das bibliotecas públicas. Nomeadamente recordaba que os seus fondos e servizos non estarán sometidos a calquera forma de censura ideolóxica, política ou relixiosa, e tampouco ás presións comerciais.

As bibliotecas públicas e o seu persoal teñen o deber de defender os principios da liberdade intelectual, adquirindo, preservando e facendo accesíbel a máis ampla variedade de materiais que reflictan a pluralidade e a diversidade da sociedade (IFLA). Estes principios e non outros son os que definen a misión da biblioteca pública que se plasma na “Ley 10/2007, de 22 de junio, de la lectura, del libro y de las bibliotecas“. E isto vale para as obras sobre acupuntura, ovnis e María santísima.
 
Negocio online do creador da táboa periódica de parvadas irracionais
Negocio online do creador da táboa periódica de parvadas irracionais
 

O fin non xustifica os métodos

Con bo siso, Josep cuestionaba as opinións verquidas polos autores do estudo, mais tamén a metodoloxía empregada, para concluír que non teñen en conta o contexto, facendo xuízos de valor que parten de premisas discutíbeis e algunhas afirmacións falsas. Como cando acusan ás bibliotecas de subrepresentar as obras que son críticas coa pseudociencia, sen contrastar a realidade do mercado editorial. Como cando din que este tipo de literatura comparte espazo coa ciencia, sen reparar na organización interna do fondo. Ou cando comparan para os seus fins os descritores obtidos dun catálogo (“quimioterapia” vs. “homeopatía”).

O fin -á fin- non xustifica os métodos, tampouco na loita contra a supercharía. A razón escéptica é consecuente e saudábel cando se mantén alerta para non incorrer nos mesmos vicios que combate. A evidencia histórica demostra que a ciencia tampouco debe detentar unha lexitimidade absoluta para impoñerse de maneira implacable á sociedade. E abofé que polo de hoxe non se observa tal rigor coa masiva presenza de falsas creencias senón -máis ben- a súa submisión esencial ao proceso de dominación industrial. A guerra continúa.

scqLab. é unha iniciativa sen ánimo de lucro que dialoga con proxectos culturais, científicos e tecnolóxicos, experimentando con técnicas contemporáneas de documentación.