Radical Open Access: un movemento polo acceso aberto responsábel

By in Reviews on 8 Novembro, 2017

Radical Open Access

Esta comunidade de editoras e revistas académicas está a apostar por unha alternativa real fronte ás fórmulas de acceso aberto impostas pola industria e as políticas de orientación comercial.

 

Acceso aberto para a comunicación

Integrado por máis de vinte membros, o Radical Open Access Collective fomenta de maneira específica a experimentación para a publicación aberta no eido das ciencias humanas e sociais. A alternativa que propoñen consiste en asumir a responsabilidade colectiva de repensar as prácticas materiais e as relacións sociais da comunicación académica, dado que o principal problema é a comunicación e non os modelos de negocio. A diversidade existente dentro da ecoloxía editorial xustifica a construción e a difusión dun modelo alternativo. Mais o Radical Open Access está a constituír tamén órganos capaces de representar ás editoras e revistas independentes nos consellos de investigación e outras axencias, apoiando a construción da comunidade e exercendo presión como tal. Un colectivo que promove tamén a cooperación entre os seus membros, mediante o intercambio de recursos, ferramentas e coñecementos sobre deseño, software, licenzas, dereitos de autoría e outras materias xurídicas.
 

Unha loita comunitaria

A comunidade de apoio está formada por editoras, bibliotecarias, especialistas en tecnoloxía, activistas e outros axentes de dentro e fóra da universidade. Traballan xuntas para afortalaren as alianzas entre o movemento de acceso aberto e as loitas polo dereito de acceso, copia, distribución, venda e (re)utilización de traballos de investigación artística, cultural e académica.

radicaloa.disruptivemedia.org.uk

 

scqLab. é unha iniciativa sen ánimo de lucro que dialoga con proxectos culturais, científicos e tecnolóxicos, experimentando con técnicas contemporáneas de documentación.