Reanimation Library: un espazo para a creación

By in Reviews on 28 Febreiro, 2018

Unha pequena biblioteca independente de Nova York inspirou a transformación de moitas bibliotecas convencionais en incubadoras de creación artística e cultural.

Reanimation Library

O proxecto da Reanimation Library, iniciado en 2001 polo bibliotecario Andrew Beccone, aborda o mundo da información dende unha perspectiva holística, explorando novos métodos para afrontar o reto dixital dende o espazo da biblioteca.

A biblioteca xorde cando Andrew levaba un ano coleccionando libros que pese ao seu indubidábel interese visual xa estaban fóra da circulación. Con este atractivo común, a colección está composta por libros descartados e fóra de catálogo, froito de doazóns, adquiridos en tendas de segunda man ou directamente rescatados do lixo. Os usuarios poden dixitalizar e copiar estes materiais mais, dada a súa singularidade, esta non é unha biblioteca de empréstito. Alén de garantir o acceso a estes fondos, Beccone concebiu a Reanimation Library coma un espazo para a creación.
 

Novos espazos bibliotecarios

Moitos dos novos espazos bibliotecarios teñen algunhas características máis típicas dos talleres de creación cultural e artística. A sala de lectura tradicional transfórmase nun lugar onde contactan as persoas, as súas experiencias, coñecemento e inquedanzas.

A Reanimation Library está situada nunha galería e sala de lectura interdisciplinar de Brooklyn. E por anos, actuou como un catalizador para diversas actividades creativas, como a poesía, a música, a artes visuais, vídeo e animación, impresión de libros, arte sonora e conceptual, deseño gráfico e de moda. Un bo exemplo diso é o ‘Word Processor‘, unha sección que promove a investigación crítica sobre o contido peculiar da colección. Varias veces ao ano, a biblioteca convida a un escritor ou escritora a analizar un libro da biblioteca que lle resulte particularmente atractivo.

O proxecto creou varias bibliotecas sucursais por todo o país e mesmo en Londres ou a Cidade de México. Nestes lugares, o propio Beccone propón pequenas coleccións temporais, adquirindo obras en librarías de vello da localidade. A actividade convida a artistas de diferentes disciplinas a participar xerando traballos inspirados na colección ou no proxecto.
 

A biblioteca coma ornitorrinco

Beccone afirma que se sente animado polo feito de que algúns artistas rexeitasen o proxecto coma unha mera biblioteca, mentres algúns bibliotecarios néganse a consideralo coma algo máis que un proxecto de arte. O bibliotecario recórdanos que xa os pioneiros naturalistas determinaran que o ornitorrinco, produtor de leite, debía ser algún tipo de engano.

http://www.reanimationlibrary.org

 

scqLab. é unha iniciativa sen ánimo de lucro que dialoga con proxectos culturais, científicos e tecnolóxicos, experimentando con técnicas contemporáneas de documentación.