Software Heritage: o código fonte do patrimonio cultural

By in Reviews on 1 Xullo, 2018

Vén de ser publicado o arquivo do proxecto Software Heritage que permite explorar de forma sinxela a maior colección de código fonte do mundo.

Software Heritage


Desde abril de 2017, o Inria (Institut National de Recherche en Informatique et en automatique) está a desenvolver baixo os auspicios da UNESCO, un proxecto para preservar o coñecemento do código fonte e facelo amplamente dispoñíbel a través dunha grande biblioteca dixital.

 

O software é fráxil e estamos a perdelo

A misión so proxecto é recoller, conservar e facilitar o código fonte de todos os programas que se teñen escrito, creando unha infraestrutura esencial ao servizo do patrimonio cultural e da sociedade no seu conxunto.

Software Heritage ofrece un archivo de referencia universal, neutral respecto dos provedores e persistente ao longo do tempo. Ademais dun catálogo de software indexado, organizado, referenciábel e accesíbel, o proxecto almacena a historia completa do desenvolvemento do código, unha meta-información que pode garantir a súa dispoñibilidade e trazabilidade no futuro.

 

A importancia patrimonial do software

Dado que a meirande parte do coñecemento técnico e científico que está a ser desenvolvido actualmente reside no código, este tornouse un mediador clave para o acceso ao patrimonio cultural. A súa conservación faise tan necesaria como a de calquera outros documentos ou datos de investigación.

Os aplicativos de código utilízanse hai décadas en todos os ámbitos da ciencia e resulta fundamental coñecer a versión exacta utilizada para poder reproducir un experimento científico. Os creadores do proxecto confían que o seu traballo desencadeará todo o potencial dos estudos de software, permitindo moitas novas aplicacións.

 

Arquivo e curadoría de software

Calquera compoñente de software pode ser necesario no futuro e é por iso que o proxecto abrangue todo o que está dispoñíbel públicamente. Non obstante, os seus promotores recoñecen a importancia de seleccionar algunhas coleccións de programas de especial interese, polo que incentivan a creación de arquivos curados.

 

Un proxecto aberto e replicábel

Software Heritage publica todos os aplicativos que precisa realizar como código aberto/libre e describe abertamente toda a arquitectura e procesos técnicos asociados ao proxecto. Unha das claves para o éxito do mesmo está na creación dunha rede aberta de pares e espellos que compartirán responsabilidades para manter varias copias dispoñíbeis de todos os programas compilados.

www.softwareheritage.org

 

scqLab. é unha iniciativa sen ánimo de lucro que dialoga con proxectos culturais, científicos e tecnolóxicos, experimentando con técnicas contemporáneas de documentación.