Memory Lab: preservarmos o noso arquivo persoal

By in Reviews on 20 Abril, 2018

As bibliotecas públicas estadounidenses comezan a replicar un modelo que incorpora formación e ferramentas de preservación dixital para os cidadáns. E realmente precisamos axuda urxentemente se non queremos perder os nosos arquivos persoais.

 

Memory Lab. Photo by Jaime Mears

Memory Lab. Photo by Jaime Mears

A maioría das persoas almacenamos información e documentos. Estas coleccións persoais son maiores do que nunca e abranguen diferentes obxectos e soportes de información, onde van parar moreas de datos e documentos codificados en múltiples formatos. A identificación, organización e preservación desta colección é a chave para podermos localizar, referir e reutilizar todos estes grandes ou pequenos tesouros. A meirande parte, xa o sabemos, é prescindíbel, aínda que algúns poidan resultar interesantes algún día para os nosos seres queridos ou mesmo como herdanza cultural para as xeracións futuras.

En calquera caso, como sucede noutros tipos de arquivo, evitar ou adiar o seu mantemento imposibilitará un uso óptimo. Sen atención, co paso do tempo vai ser imposíbel recuperarmos moitos dos seus elementos, debido á obsolescencia dos sistemas e á degradación de todo tipo de soporte. E non falamos apenas de disquetes e fitas de vídeo. Os soportes dixitais convencionais vante fallar antes ou despois.
 

Na computadora doutra persoa

Ao anterior engádenselle os problemas derivados da dispersión do noso arquivo persoal na nube (correo electrónico, redes sociais, plataformas dixitais …). Como é sabido, a nube de marras non é senón a computadora doutra persoa. E hai que ter claro que o abandono da nosa información en Internet supón unha ameaza para a privacidade. Resulta que na contorna dixital temos a obriga de protexer a nosa identidade e seguridade, antes aínda que a propia integridade dos arquivos.

Daquela é preciso desenvolvermos os coñecementos e habilidades para controlar e preservar os nosos rexistros persoais. A estratexia para xestionarmos estes arquivos debe afrontar a transición de sistemas (hardware / software) e soporte de arquivo, a copia de seguridade do que confiamos a terceiros, así como as medidas para eliminar as pegadas dixitais non desexadas.
 

The Memory Lab: un modelo replicábel

Debido á súa accesibilidade, adaptación tecnolóxica e espírito democrático, as bibliotecas públicas poden ser o mellor lugar para ofrecer ferramentas de dixitalización e coñecementos prácticos sobre preservación de documentos e o seu ciclo de vida.

O Memory Lab é unha iniciativa da DCPL (Biblioteca Pública do Distrito de Columbia) que axuda ás persoas a preservaren o seu arquivo persoal. É un modelo DIY que proporciona instrucións paso a paso, pero son os usuarios quen controlan o proceso de principio a fin, aprendendo os conceptos básicos de preservación dixital.

A idea inicial era crear un autoservizo no que os usuarios da biblioteca poderían transferir documentos obsoletos aos formatos actuais e tamén aprender a catalogar e almacenalos adecuadamente. De feito, o servizo ofrece dende o ano 2015 equipos para dixitalizar as fitas e películas domésticas, para escanear fotografías e diapositivas.

O posterior desenvolvemento, a través da creación de estacións de preservación dixital, a especialización do persoal, a elaboración de guías de mellores prácticas e o deseño de programas educativos, serviu de modelo para outras institucións públicas de América do Norte. De feito, a propia DCPL desenvolveu un proxecto para incorporar ferramentas de preservación dixital e formación nas bibliotecas públicas de todo o país.

O programa, afín ao repertorio de alfabetización informacional, permitirá ás bibliotecas fomentaren a participación da comunidade, ampliando a experiencia do persoal e usuarios nesta área.

https://www.dclibrary.org/labs/memorylab

 

scqLab. é unha iniciativa sen ánimo de lucro que dialoga con proxectos culturais, científicos e tecnolóxicos, experimentando con técnicas contemporáneas de documentación.